Thursday 25 de April de 2024

Trenor lembra que está aberto ata o 8 de abril o período de matrícula nas Escolas Infantís para o primeiro curso ni que serán gratuitas para todos os nenos


 Destaca que Galicia convértese así na primeira comunidade cunha educación infantil universal

 Precisa que esta iniciativa conta cun investimento de 30 millóns de euros e beneficiará a máis de 30.000 familias

 Afirma que a Xunta seguirá comprometida cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias

 Pide ao Goberno de España que cofinancie a gratuidade da educación infantil, tal e como comprometeu ao comezo da lexislatura

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a escola infantil Galiña Azul de Porto do Son, para lembrar que está aberto o prazo para solicitar praza nunha escola infantil da Xunta para o vindeiro curso, o primeiro no que serán 100% gratuítas para todos os nenos; “converténdonos así, na primeira comunidade autónoma cunha educación infantil universal”, precisou. O representante do Goberno galego lembrou que os interesados teñen ata o 8 de abril de 2022.

Trenor subliñou que nun momento en que os galegos teñen que facer fronte a moitas dificultades é unha axuda moi importante que o custe da educación infantil nesta comunidade sexa cero para todos so fillos. Neste senso, recalcou que para poder garantir esta gratuidade a Xunta reserva un investimento de 30 millóns de euros, para beneficiar a máis de 30.000 familias.

O delegado da Xunta lembrou que con esta medida “a nosa comunidade convértese na única na que un neno pode pasar por todas as fases do ensino, desde infantil ata o bacharelato, sen que os pais teñan que desembolsar nin un só euro”. Trenor recalcou que “o Goberno galego seguirá comprometido cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias.”

Así, a Administración autonómica galega está a levar, por exemplo, unha atención 100% gratuíta aos concellos máis pequenos, co obxectivo de rematar o 2022 con máis dun centenar de casas niño; e foi a primeira en poñer en marcha unha Lei de impulso demográfico que garante, ao máximo nivel normativo, o acceso á educación infantil para todos os nenos.

O representante do Goberno galego agradeceu aos traballadores públicos da Xunta, que fan posible que as familias non teñan que facer ningún trámite adicional para acceder á gratuidade; ás entidades e empresas que xestionan escolas infantís, que no 99% dos casos accederon a implantar a gratuidade; e, tamén, aos concellos, que teñen a oportunidade de ofrecer a gratuidade nas escolas da súa competencia, a cambio de que a Xunta asuma o 100% do prezo que antes pagaban as familias e sen ningún custe extra para as arcas municipais.

Trenor rematou reiterando a petición do Goberno galego ao Goberno de España que cofinancie a gratuidade da educación infantil, tal e como se comprometeu ao comezo da lexislatura.